Saturday 18 de May de 2024

O concello aproba a execución do novo polígono industrial para Ribeira


No Pleno extraordinario celebrado no día de hoxe o Concello aprobou o expediente de expropiación para a execución do novo polígono industral do Concello de Ribeira e o proxecto de urbanización do mesmo. Este trámite, iniciado no ano 2017 coa modificación puntual do PXOM, supón o penúltimo paso antes da súa construción.

Trala obtención dos informes favorables de Patrimonio, Augas de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Ribeira “pon en marcha, despois de 32 anos sen chan industrial, o solo tan necesario para que as empresas poidan asentarse no Concello, xerando así emprego e dinamismo económico” afirmou o alcalde Luís Pérez. O rexedor destacou que “hai dúas administración comprometidas co proxecto; o Concello de Ribeira e a Deputación da Coruña. Preguntámonos por que a Xunta de Galicia, que ten competencias en materia industrial aínda non amosou o seu respaldo a este equipamento fundamental para o desenvolvemento económico de Ribeira.”

O custe total das expropiacións ascende a 940,000 euros ao atenderse parte das alegacións de incrementar o prezo do metro cadrado de 2,64 euros a 3,29 euros. O executivo subsanou asimesmo diversos erros detectados relativos á propiedade das parcelas onde se vai instalar este equipamento.

O Pleno tamén aprobou o proxecto de urbanización que ascende a 12 millóns de euros segundo avanzou o alcalde Pérez Barral no transcurso do debate. “Con esta aprobación o goberno local cumpre coa palabra dada de aprobar os últimos trámites previos á licitación antes de rematar o 2023” afirmou o rexedor.

Asimesmo aprobouse o expediente de imposición de penalidades ao contrato de obras do novo Auditorio de Ribeira “por non entregar o edificio en tempo e forma” segundo explicoua concelleira de Facenda Herminia Pouso. “Este goberno municipal ten o deber de velar por cada euro dos fondos públicos” afirmou o alcalde Luís Pérez.

Por último o Pleno aprobou a modificación do contrato de xestión do servizo público de limpeza pública urbana para a implantación dunha ruta específica de recollida de residuos orgánicos.

A concelleira de Medioambiente, Antía Alberte, destacou a importancia da separación de residuos e a posta en marcha do servizo “en menos de 6 meses, que dotará de contedores de orgánica en Ribeira, Palmeira e Aguiño”. Pola súa parte, a concelleira de Servizos Municipais, Tania Redondo, informou sobre a posta en marcha dunha campaña de concienciación e posta en valor do reciclaxe co propósito de “informar á veciñanza sobre a correcta separación de residuos”.